O lavadoiro situado no lugar do Cruceiro, na parroquia de Barcela, en Arbo, loce xa restaurado. Consta dunha planta cadrada con vaso realizado en ladrillo, piares e cuberta de placa ladríllea e o lavadoiro é de ladrillo revestido. As actuacións realizadas, que ascenderon a 12.900 euros financiados cunha axuda autonómica, consistiron no debroce e limpeza da parcela na contorna do lavadoiro, a reparación e encintado dos muros de pedra, a reparación do lavadoiro, o revestido do vaso e do resto do lavadoiro, pintado da estrutura existente con cores acordes ao medio, pavimentación do chan do lavadoiro con solado de pedra, deixando canle de recollida e evacuación de auga. Igualmente se lle reparou a cuberta e se lle colocou tella cerámica e pilares que se revestiron con pedra de tipo país. O Concello de Arbo leva reparado nos últimos anos unha vintena de fontes e lavadoiros.