“Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo” foi o título da primeira das xornadas para profesionais e familias organizadas pola biblioteca do Porriño. Celebrouse onte, da man da pedagoga e mestra María Cousa, á cal seguirán outros persoeiros que “acompañarán na aventura de crecer” cada segundo venres de mes, dende xaneiro ata xuño, ás 18.30 horas no centro cultural.

O obxectivo destas xornadas é abordar, desde diferentes puntos de vista, como favorecer o correcto desenvolvemento dos fillos desde que nacen ata a súa primeira etapa infantil.

Así, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, a psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros.

Ofrecerase valiosa información que, desde o coñecemento científico actual, permita acompañar esta etapa primordial, onde se asentan as bases do equilibrio vital e así saber afrontar os diferentes retos na vida adulta.

“Entende como crece” é o título da seguinte cita. Será o venres día 11 de febreiro, na que a fisioterapeuta Vanesa Gómez tratará o desenvolvemento motor na primeira infancia. Falará sobre os principais fitos de cada etapa e explicará como acompañar ás crianzas en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera disfunción de maneira precoz.

“Aprende a ver como ve” será en marzo, “O xogo a través dos sentidos” en abril, “Imos querernos ben!” en maio e “Desde lactar ata falar, todo un camiño de comunicación” en xuño.

Servizo de gardería

E para facilitar a asistencia dos pais, durante o tempo da charla haberá persoal para acompañar ás crianzas, aproveitando para amosarlle o fondo bibliográfico da biblioteca.