O Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, situado no Castelo de Dona Urraca, no municipio de Salvaterra de Miño, está a ser un referente cultural sobre vitivinicultura en toda España. A recuperación do turismo nos meses de maior alivio da pandemia incrementaron os seus visitantes e tamén os itinerarios guiados, con máis de 400 visitas realizadas.

Este museo, que abriu ao público en febreiro de 2019 no recinto amurallado, rexistrou un claro aumento de visitas no ano 2021. O público destaca o bo estado de conservación das súas instalacións, os vangardistas recursos museísticos, a calidade dos viños do Condado do Tea e o trato persoal e individualizado recibido durante as visitas guiadas.

Por segundo ano consecutivo, o Museo da Ciencia do Viño conseguiu a distinción Q de Calidade Turística, que premia o bo facer en todos os niveis de interacción entre a entidade administrativa e o visitante.

O éxito deste museo non é alleo ao auxe que está a ter o turismo enolóxico. En Galicia estase convertendo nun dos principais reclamos turísticos xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar infinidade de actividades complementarias arredor do mundo do viño: é o caso da gastronomía, da cultura, do patrimonio ou da tradición, capaces de xerar redes invisibles de valor engadido.

Así, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea aposta de maneira inquebrantable pola excelencia valéndose da historia e da súa tradición.

Para quen aínda non o visitou, trátase dun museo cen por cen didáctico, experiencial e interactivo que procura por en valor a marca propia “Condado do Tea” así como promocionar un territorio unido baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Por outra banda, esta instalación, da que o Concello se sinte moi orgulloso, camiña co obxecto de potenciar a riqueza existente da zona vinícola na que está asentado e formar un destino turístico co selo distintivo: Salvaterra de Miño.

Paralelamente, ó longo dos vindeiros meses iranse presentando novas actividades e programas vencellados a este dinamizador complexo enoturístico: o Museo da Ciencia do Viño.