Son contos viaxeiros, desde as terras máis distantes ata a contorna da nosa casa, desta e doutras culturas. Así presentan dende a biblioteca municipal do Porriño “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”, unha nova actividade de animación á lectura con Paula Carballeira, cada primeiro venres de mes dende xaneiro ata maio.

Son historias que nos levan a imaxinar o que atoparemos nos camiños polos que nos atrevemos a ir, que nos axudan a vencer os medos con tenrura e bo humor, que nos convidan a atopar respostas.

Non hai mellor lugar para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos. A biblioteca do Porriño quere traer novas historias, desas que quedan na súa, na vosa memoria, coma un arrecendo ou un alento, porque as palabras van polo vento.

Paula Carballaeira dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Escolle cada palabra, cada canción, cada xogo, porque nunha sesión de contos hai todo o tempo do mundo para desfrutalo mentres dura.

Así, cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, o pasado día 7 foron contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H. C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos, lugares misteriosos dos que non sabemos.

Así, os contos que trae van con quen os escoita, facer a súa vida, e as palabras quedan na biblioteca, invisibles, esperando que alguén abra a boca para meterse nela e saír en canto poidan. E todo porque a biblioteca quere palabras que contan historias.

Paula Carballeira

Dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais ( Portugal, Brasil, Francia, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Cabo Verde, Arxentina, Costa Rica, México….). Participou en diversos programas da TVG (Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia, Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima Audiencia, Contando estrelas, Pepe o inglés) e ten colaborado en diferentes espazos da Radio Galega (Xamón, xamón, A taberna da galega).

Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu nos concellos de Santiago de Compostela e no de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, participa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, foi a máxima responsable dos espectáculos de Talía Teatro Mundos contados, Pequena e Rosa Caramelo e outras historias; dirixiu e interpretou a montaxe do Centro Dramático Galego para público infantil A cabana de Babaiagá, e protagonizou Desde a sombra/Bufóns e Pallasos para a compañía Magrinyana.

Tamén é autora de máis de trinta libros publicados e traducidos a diferentes idiomas: castelán, inglés, portugués, alemán, turco, coreano, italiano, eúscaro, catalán…, algúns deles distinguidos cos premios Lecturas, White Raven, Isaac Díaz Pardo, Manuel María de Literatura Dramática Infantil ou o Frei Martín Sarmiento.

Ademais escribiu libros de lecturas escolares para a editorial Anaya como Alicia sabe voar, Voces no sumidoiro ou Aldara na lúa, entre outros.