O Concello de Redondela vén de lembrar a todas as persoas xordas residentes no municipio que poden solicitar o servizo de interpretación de lingua de signos para calquera xestión que precisen realizar ante a administración local.

A solicitude, achegarase por correo electrónico mediante o modelo oficial que se pode descargar dende a páxina web do Concello (www.redondela.gal) cubrindo a información requirida en todos os campos e deberá ser enviada, con 48 horas de antelación, ao enderezo de correo electrónico silse@redondela.gal. Este servizo prestarase en calquera área do Concello.

Actividade cultural e social

Este servizo de interpretación, explica a alcaldesa Digna Rivas, non queda cinguido aos trámites administrativos, “senón que tamén o poden solicitar no caso de querer participar nalgunha actividade social ou cultural organizada directamente polo Concello”. Neste caso é preciso subliñar que a solicitude deberá ser tramitada, como mínimo, con 7 días de antelación a fin de que o Concello poida realizar as xestións pertinentes que garantan a prestación do servizo.

Digna Rivas gravou unha mensaxe para animar a todas as persoas xordas a utilizar este servizo destinado a mellorar a accesibilidade e a inclusión social e reiterou “o compromiso do Concello coa defensa da igualdade de dereitos en todos os eidos e entre todas as persoas”.

Na páxina web do concello pódese descargar o modelo de solicitude do servizo de interpretación de Lingua de Signos que se debe enviar ao enderezo de correo electrónico silse@redondela.gal.