O Concello de Salvaterra de Miño prepara novas actividades de dinamización no Centro Social do Maior, ubicado na parroquia de Leirado.

Este edificio, antigo consultorio médico, foi rehabilitado polo Concello co fin de dotar dun espazo exclusivo aos maiores de Salvaterra, un espazo onde poidan convivir, realizar actividades e socializar entre eles.

Unha vez rehabilitado o Concello mantén o seu propósito de manter e dotar de vida as instalacións públicas, e neste senso de facer desta instalación un ambiente de ocio, aprendizaxe, comunicación, socialización e outros beneficios psicosociais para as persoas maiores. Por iso, o Concello acaba de sacar un listado de novos cursos e actividades de diversa modalidade, que se levarán a cabo neste Centro social do maior durante os meses de marzo a decembro de 2022.

Ofértanse clases de ximnasia, memoria, pilates, internet, restauración, pintura, entre outros, son algunhas das actividades propostas para facer as ledicias dos usuarios deste novo espazo.

As persoas interesadas en participar nalgúns dos cursos teñen que inscribirse en animacionenredos@gmail.com ou no teléfono 644896840.