En resposta á solicitude do Concello de Salceda de Caselas, Sogama remitiu a este municipio unha nova partida de 40 composteiros para que poidan ser distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo, xunto cos correspondentes manuais didácticos de apoio.

Sumando entregas anteriores, xa son un cento de familias as que contan cos recipientes de Sogama, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, e que, en todo caso, posibilitan que o proceso se desenvolva de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente para os veciños participantes.

Ao igual que outras 221 localidades galegas adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, Salceda de Caselas quere obter os beneficios propios do mesmo, que se traducen nun importante aforro ambiental e económico.

Desde a perspectiva ambiental, porque este sistema permite aos usuarios autoxestionar a materia orgánica en orixe, que vén a representar da orde do 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para a agricultura e xardinería.

Dado que esta porcentaxe trátase en orixe e regresa de novo á terra, evítase o seu depósito nos contedores convencionais (fracción resto), posibilitando que os concellos poidan reducir a frecuencia da recollida de lixo e o transporte, o que se traduce en menores emisións de CO2 á atmosfera e menor importe da factura a pagar a Sogama ao diminuír as toneladas entregadas a esta empresa pública.

As persoas interesadas teñen á súa disposición un sitio web, www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar información complementaria e distintos recursos divulgativos.

A día de hoxe, un total de 428 entidades de toda Galicia (222 concellos, 177 centros educativos e 29 colectivos sociais) están adscritas ao programa de autoxestión da materia orgánica liderado por Sogama e no marco do cal esta empresa pública repartiu, de forma gratuíta, máis de 18.000 composteiros.