A Biblioteca Pública Municipal de Tui realizou ao longo do pasado ano 2021 un total de 10.255 préstamos de libros (cunha media de 852 préstamos ao mes) dun total de 3.881 obras e que foron emprestadas por un total de 759 usuarios, 447 adultos e 312 infantís.

Esta cifra supón un notable incremento con relación aos datos do pasado ano que, por mor dos efectos do confinamento e demais medidas restritivas, unicamente acadaron os 4.545 préstamos.

A Biblioteca Municipal de Tui conta na actualidade con 32.464 volumes, o que supón unha cifra en torno ao 1,8 volumes por habitante do concello, que está moi próximo ás recomendación da IFLA para localidades coa nosa poboación que determinan 2 volumes/habitante.

Ao longo do pasado ano 2021 esta colección bibliográfica foi enriquecida e actualizada con 1.164 novas obras. A súa procedencia é tripla: con fondos propios do Concello de Tui, coas achegas da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta de Galicia e coas doazón de usuarios e cidadáns. Paralelamente a Biblioteca expurgou un total de 1.427 volumes debido ao seu deterioro ou por ter un contido obsoleto.

O acceso á Biblioteca é libre e gratuíto para calquera persoa, unicamente cómpre ser socio ou usuario de calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia para acceder ao servizo de préstamo a domicilio ou ao servizo de “Galicia le”, a plataforma de préstamos de libros electrónicos da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Na actualidade a Biblioteca Municipal tudense conta 3.881 usuarios, ao longo do pasado ano incorporáronse a este servizo 145 novos usuarios adultos e 119 usuarios infantís.