O Porriño presentou, o pasado sábado, un documento moi valioso que contribúe a que non quede no esquecemento o acontecido, no municipio e os seus arredores, durante o golpe de estado de 1936 e a ditadura de Franco. “A memoria recuperada” é unha recollida sonora da nosa memoria histórica na que se pode escoitar a Ramona Asunción Teijeira Rodríguez, Antonio Pereiro Pérez, Florentina Casales Estévez, Juana Josefa Fernández Giráldez e Raúl Francés Valverde.

Todos eles agasalláronnos con xenerosos relatos dos acontecementos que sucederon naquel entón. Nos dous episodios, “A Guerra” e “A Fame”, que forman parte deste documento sonoro, nárranse as vivencias non só destas persoas, das súas familias, senón tamén do medo, da tristeza, do horror, do silencio, da carraxe, do compañeirismo, da solidariedade, … que puxeron a proba á humanidade como colectivo.

Un documento sonoro en formato de podcast que se presentou no Centro Cultural Municipal. O acto incluíu unha proposta teatral da compañía Os Quinquilláns “A señora de Forcadela”, unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36.