Música das súas corais e da súa banda para festexar o Nadal e a chegada do 2022 con reserva de entrada para o teatro municipal. Pasarrúas de grupos folclóricos e bandas de música, obradoiros para a cativada e primeira carreira San Silvestre, entre as propostas para a axenda festiva que rematará con Cabalgata de Reis.

“Tui, o Camiño do Nadal” é de novo o lema da programación festiva elaborada polo Concello con motivo destas festas, nas que a música terá gran protagonismo.

O acendido da iluminación de Nadal e a inauguración do Mercado de Nadal marcaron o inicio da programación na que este ano se oferta lecer que aposta polo local e pola economía circular.

O vindeiro xoves, 23 de decembro, as tres corais de Tui; do Centro Sociocomunitario, Ponte da Febres e San Telmo ofrecerán un concerto no Teatro Municipal, ás 21.30 horas. O concerto de Fin de Ano será o xoves 30 ás 21.30 horas e correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui. Para os eventos previstos no teatro será necesario facer reserva de entrada na páxina web: www.tui.gal.

Igualmente, ao longo destas festas haberá pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos e bandas de gaitas das asociacións culturais tudenses, na medida en que as condicións meteorolóxicas e sanitarias o permitan.

As nenas e os nenos poderán gozar de obradoiro infantís que van ter lugar na Biblioteca Municipal o mércores 29 e o xoves 30 de decembro, así coma o luns 3 e martes 4 de xaneiro.

Programa de "Tui, o camiño do Nadal" 2021

Programa de "Tui, o camiño do Nadal" 2021 Concello de Tui

Coma novidade incorporase á programación unha San Silvestre Popular que terá lugar o venres 31 ás 12.00 horas, cun circuíto urbano non competitivo. Tamén o día 31 está prevista a visita do Apalpador ao Paseo da Corredoira.

A programación pecharase coma é tradicional coa Cabalgata de Reis o mércores 5 de xaneiro, aínda que este ano debido á pandemia non poderá ter carácter internacional.

Toda esta programación desenvolverase seguindo un protocolo anticovid e axustándose as medidas restritivas que estean en vigor en cada momento.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destaca que esta programación “Tui, o Camiño do Nadal” está elaborada pensando en “brindar á poboación tudense e cantas persoas nos visiten nestas datas unha oferta de lecer para estes días tan especiais e para gozar en familia, seguindo as medidas de seguridade derivadas da actual situación de pandemia”.

Libros solidarios

Até o 23 de decembro estará aberto o mercadiño solidario de libros na biblioteca municipal de Tui co triple de exemplares e espazo que a última edición. En colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui, constitúe unha idea máis para agasallar un libro no Nadal.

O mercadiño solidario de libros estará aberto na biblioteca municipal até o 23 de decembro

A Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia do pasado ano, e ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Mercadiño solidario de libros na biblioteca FdV

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso obras de consulta.

O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 8.30 a 13.30 horas e de 15.30 a 20.30 horas e os sábados de 9.00 a 13.00 horas.