A Concellería de Cultura de Tomiño organiza este Nadal actividades para o público infantil e familiar, relacionadas co teatro, o circo e os obradoiros, antes da tradicional Cabalgata de Reis.

“Riscando o ceo” de Circo Chosco. | // FDV

O domingo, 26 de decembro, o Mercado Municipal acollerá, no primeiro andar un obradoiro impartido pola compañía Migallas Teatro e dedicado a público infantil. Será ás 11.30 horas.

O martes 28 de decembro, tamén no mercado municipal representarase a obra “Zapatos” de Caramuxo Teatro. Unha historia que narra todas as historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen nin dono nin dona. ¿Que pasa con todos eses zapatos que xa ninguén usa? Todos os dias chegan a un recuncho dun agochado xardín fantásticas historias, as vivencias que traen consigo unha morea de zapatos de tódolos tamaños e cores.Unha rapaza é a encargada de coidalos, de darlle a a benvida ó lugar onde vivirán para sempre. Ás 11.30 horas, para o público infantil.

O venres, 31 de decembro, O Apalpador visitará Tomiño. Esta actividade desenvolverase na Praza do Seixo a partir das 17.00 horas.Para público infantil e familiar.

O domingo, 2 de xaneiro, a compañía Circo Chosco representará “Riscando o Ceo”. O circo aparece en forma de humor, maxia, malabar, acrobacias e equilibrios imposibles. Un ton absurdo e reflexivo que fai que nos reformulemos o esencial das cousas. Inspirado no incrible mundo do Principiño de Antoine de Saint-Exupery. Espectáculo para público infantil e familiar. Na Praza do Seixo ás 17.30 horas.

Os días 3 e 4 de xaneiro, na Praza do Seixo, instalaranse inchables de 16.00 a 20.00 horas. Estará instalada unha carpa na que as nenas e nenos poderán divertirse con inchables e pintacaras, entre outras actividades.

Tomiño programa a súa Cabalgata de Reis para o 5 de xaneiro, a partir das 16.30 horas. Percorrerá as principais rúas do núcleo urbano para logo finalizar na Praza do Seixo, onde as súas Maxestades de Oriente recibirán a nenos e nenas para entregarlles as súas cartas.