Redondela acolle esta fin de semana a súa tradicional Feira de Artesanía do Nadal na contorna da Alameda Castelao (rúa Ribeira) desde onte e ata mañá.

“Tentamos, cada ano, potenciar esta cita coa artesanía”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen lembra que esta cita “cumpre un dobre obxectivo”. Por unha banda, “ofrece as nosas artesás e artesáns un escaparate idóneo para amosar o seu bo facer e o porqué a marca Artesanía de Galicia ten cada día máis aceptación”, por outra, continúa Rivas, “contribúe á animación das rúas co que iso leva de dinamización do comercio local e o sector da hostalaría, sobre todo nestas datas de Nadal”.

O Concello de Redondela, dentro do programa de actividades que desenvolve co gallo das festas do Nadal, organiza unha Feira de Artesanía de Nadal centrado na venda de produtos típicos para ofrecer nestas datas (accesorios, adornos, doces, agasallos etc.) na contorna da Alameda de Castelao desde onte e ata mañá.

A Feira de Artesanía de Nadal de Redondela celebrarase en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas.

O número de postos da feira non superará os 15. Cada posto terá unhas dimensións máximas de 2,50 metros e cada un deles deberá estar decorado acorde coa temática da feira, neste caso o Nadal.