Un ano máis o Concello de Mos organizou unha xornada festiva para acender o alumeado de Nadal. Foi o pasado domingo, nas Angustias con mercadillo, concerto de Broken Peach, animación infantil e de rúa e chocolate con rosca. Nin a choiva nin o frío descoloraron o evento ao que acudiron numerosas persoas. Dábase así por iniciado o Nadal en Mos, cuxa programación para as vindeiras semanas inclúen diferentes actividades pensadas para todos os públicos.

A música de rondallas volve soar en Mos

Así, hoxe mesmo, ao longo de toda a xornada, ten lugar unha recollida solidaria de alimentos Mos Axuda nos supermercados do municipio. Mañá domingo, ás 18.00 horas, inaugurarase o tradicional Belén de Herville, no centro cultural deste barrio da parroquia de Cela. Xunto con este tamén estará aberto o público, todos os días da semana, o do Pazo de Mos.

Xa para o vindeiro sábado, día 11, está programado un concerto de Manuele de Felisa no auditorio de Torroso e para o domingo 19, sobre o mesmo escenario, representación da obra “Un conto de Nadal” a cargo do grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos

A seguinte cita será sen dúbida unha das máis esperadas. O domingo 26 de decembro celebrase o Certame de Rondallas de Mos, será na Avenida de Puxeiros a partir das 16.30 horas, e participarán todas as agrupacións do municipio, o que máis ten da bisbarra. Así desfilarán e actuarán as rondallas Santa Eulalia de Mos, Centro Cultural de Torroso, Santiaguiño de Guizán e Asociación Cultural de Herville. A música de rondallas é sen dúbida moi representativa do Nadal na Louriña e área metropolitana.

E para rematar as festas non faltará tampouco a tradicional cabalgada dos Reis Magos que discorrerá pola Avenida de Sanguiñeda a partir das 17.00 horas.