O Concello de Salvaterra ten en marcha as obras de rehabilitación e consolidación do Palco da Música de San Roque, na parroquia de Leirado, que se atopa en estado de deterioro.

O palco foi doado polos filántropos Jesús Valiño García e José González Prieto no ano 1953. Conta cunha cuberta piramidal con dobre faldón que está soportado por pes de pequena sección que agora mesmo encóntrase nunha situación de deterioro avanzado.

Esta obra arquitectónica atópase próxima á capela de San Roque, nunha zona onde o Concello está a realizar tamén unha actuación integral, coa rehabilitación do antigo consultorio médico que se converteu no Centro Social do Maior.

Ademáis nesta zona, estanse a construír beirarrúas na estrada autonómica, na contorna do cruce. Igualmente, proximamente vanse iniciar obras de humanización na estrada EP-4006, no seu tramo antigo, que dará un cambio absoluto á contorna desta área de San Roque.

Para evitar a súa perda, o Concello realizou un proxecto de consolidación e tramitou os permisos con patrimonio para poder actuar nel. Actualmente están en activo as obras co fin de rezorzar e asegurar o edificio catalogado, así como mellorar a conservación da edificación ao completo.

A singularidade deste palco está motivada polas distintas etapas da súa contrución e reformas posteriores.

A obra finánciase grazas a unha subvención da Xunta enmarcada nun programa de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos.