A importancia de reorientar as actividades produtivas cara modelos máis sostibles e máis respectuosos co medio ambiente; o consumo responsable e a promoción do produto quilómetro cero para a redución da pegada de carbono; a importancia da economía circular e a reincorporación dos byproducts no proceso produtivo para a xeración de novos produtos; os novos modelos de turismo experiencial que poñan en valor o rico patrimonio natural, cultural e inmaterial dos territorios costeiros; a necesidade de desestacionalizar o turismo para reducir a presión sobre os recursos e xerar actividade económica máis estable; mellorar a accesibilidade e o carácter inclusivo do turismo para ofrecer oportunidades para todos; a importancia de minimizar a burocracia e axilizar os trámites administrativos para permitir unha posta no mercado de novos produtos e servizos máis rápida; a capacidade para xerar sinerxías e promover a cooperación entre axentes públicos e privados para emprender iniciativas máis ambiciosas ou a necesidade de innovar e de dotar dun carácter diferencial á proposta de produtos e servizos. Foron as ideas extraídas do Blue Atlantic Forum que se celebrou no Parador de Baiona ao longo de tres xornadas nas que se debateu sobre a economía azul, abordada desde a óptica de tres ecosistemas: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo.

O obxectivo foi crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea, aliñando ademais cada unha das temáticas abordadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) definidos por Nacións Unidas dentro da Axenda 2030.

No acto de clausura, o alcalde de Baiona Carlos Gómez destacou a importancia da primeira edición deste foro, “con relatorios de alto nivel e cunha ampla participación no mesmo”, agradecendo ademais o apoio de institucións, como o GALP Ría de Vigo-A Guarda, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o sector privado.

Esta iniciativa do Blue Atlantic Forum evidencia a estratexia de colaboración dos municipios do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) e confirma o seu compromiso e aposta pola economía azul.

Esta primeira edición finalizou fixando sa a data da segunda, que se prevé os días 19, 20 e 21 de outubro de 2022.