A maxia do Nadal chegou onte ao Paseo da Corredoira de Tui co Mercado de Nadal organizado polo Concello. A inauguración coincidiu co acendido da iluminación de Nadal, con animación de rúa.

O mercado estará aberto ata o vindeiro domingo, 12 de decembro, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Son un total de 20 casetas de madeira, a meirande parte dos expositores son de Tui, participando tamén outros doutros municipios da provincia de Pontevedra e da Coruña. Ofrecen produtos de alimentación gourmet, xunto a elaboracións artesanais de xoiería, madeira, téxtil, coiro, xoguetes, … e non faltan tampouco os elementos de decoración para estas datas.

O Mercado de Nadal ten tamén o seu espazo solidario coa participación das organizacións sen ánimo de lucro como a Cooperativa Escolar do CEIP nº1, a Protectora de animais Aloia, o Club de patinaxe RIBEX, o Voluntariado da Caridade de Tui e a Asociación Vontade.

Desenvólvese baixo estritas medidas de seguridade contra a COVID-19. Os expositores portan máscara en todo momento, dispoñen de xel hidroalcohólico para o público visitante e deben hixienizar de xeito regular as superficies de contacto co público, ademais de manter as distancias de seguridade.