Visibilizar a aquelas mulleres que durante anos a historia negou o seu papel nela é o obxectivo co que o Concello de Gondomar, un ano máis, a través do departamento de Igualdade, editou un calendario. Este ano ocuparán as súas páxinas mulleres galegas que abriron camiño e foron pioneiras en ámbitos negados a elas como pode ser a investigación, as matemáticas ou a aviación.

Así desde xaneiro a decembro poderemos descubrir nomes como o da pontevedresa Elsa Patiño, primeira muller en pilotar un avión en Galicia; o da matemática e astrónomoma, Antonia Ferrín; Olimpia Valencia, a primeira médica galega; María Casares, actriz de cinema e teatro que chegou a ser moi cotizada en escenarios franceses, ou Ángeles Alvariño, primeira muller galega que, como científica, viaxou a bordo dun barco de investigación, entre outras.

As persoas interesadas en adquirir un calendario poden recollelo no Rexistro Municipal do Concello de Gondomar.