T“Tócanos presentar estes Contos do Muiño do Caralleira o segundo libro de relatos de Rosendo González ante un público que desfrutou en múltiples ocasións senón destes, doutros dos seus contos, de amigos que o coñecen e aprecian polo que esperamos non estragar esa confianza que Rosendo deposita en nós para presentar a súa obra”. Con estas palabras iniciou a xornalista Rita Alonso a presentación do último libro de Rosendo González; un volume de 16 relatos inspirados na súa maioría no pobo de Goián (Tomiño), onde vive e traballa, enxertando plantas e froitos na busca de especies autóctonas en perigo de extinción.

Tamén pinta ás veces ou debuxa, creando contos a partir de anécdotas dos seus veciños e veciñas ou personaxes coñecidos pola xente da vila, nun mundo que se move entre a realidade e as lendas.

“Estamos ante un narrador...que nos entretén, que nos permite imaxinar outras vidas e acontecementos moitas das veces tan pouco comúns que parecen inauditas; un narrador que consegue que os contos contados unha e outra vez non se perdan...”, advertiu Alonso, que compartiu mesa na presentación, realizada hai uns días no Centro Goianés ante un nutrido auditorio, coa filóloga Elena Pousa, e o propio autor.

“Son contos que sendo os mesmos son diferentes, móvense, resisten numerosos cambios e poden alongarse ou acurtarse dependendo do momento ou do auditorio...Contos que van acompañados da expresión da súa cara, dos seus silencios, da entoación, das expresións e as pisalladas. Con paradiñas e finais con retranca”, explica a xornalista.

Rosendo decidiu escribir os contos e publicalos porque a escrita é a maneira de que a memoria perdure e de que os pensamentos non se dilúan e perdan, como xa fixera no seu primeiro libro de contos “O tranvía de Soutelo”, editado en 2009.

Os escenarios dos relatos son reais: o caseto de Goián, onde se inseminaban as vacas; a recta de San Miguel, onde se alquilan jallos para reprodución; a estrada entre Tui e A Guarda, onde paseaban os namorados á vista da veciñanza; o bar Canta Mañana, olimpo das trolas; as Trincadeiras, o furancho ou o muiño do Caralleira, que da título ao libro.

“Non só quere fixar o texto senón rescatar a toponimia local, o regueiro das Cerradas, o Eido da Renda ou a Ponte da pedra o Ariño Vaqueiro, os Fiais. É un uso reivindicativo dun tempo pasado, outro tipo de rescate, o da nosa memoria...”, comenta a xornalista.

Entre as personaxes algunhas son coñecidas, como Xavier Pousa ou o Canta (homenaxe a dous grandes contadores de historias). Hai outras moi próximas, como Toniño, O Zambalino, ou O Roquiño, o tonto-listo que aparece en moitos contos universais.

A filóloga Elena Pousa, pola súa banda, destacou o especial humor que hai na linguaxe do autor, no que hai moitas palabras e expresións inventadas e que só comprenden os goianeses, pois non teñen tradución exacta.