Un total de 35 participantes do grupo de traballo da Cultura Inmaterial do Río Miño transfronteirizo participaron nun evento organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) e o Concello de Arbo a pasada fin de semana. Acudiron desde Galicia, Portugal e outros puntos de España.

Os visitantes, acompañados polo alcalde, Horacio Gil, achegáronse ao Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, Arabo, onde coñeceron a súa exposición sobre a lamprea, un importante recurso natural, cultural e gastronómico do municipio; e o viño do Condado, pertencente a D.O. Rías Baixas.

“Esta acción promocional encádrase dentro da planificación para o sector turístico da localidade na que se atopa traballando o goberno arbense” explicou Gil.

Ao remate da visita os participantes degustaron lamprea seca de Arbo, preparada en distintas formas, e acompañada dos viños das adegas de Arbo.

O Museo Arabo volve estar aberto para visitas guiadas con previa cita.