A sobreira do Monte da Peneda vén de engrosar a listaxe de árbores senlleiras de Galicia. A Xunta incorporouna, xunto cun castiñeiro de Lugo, a este catálogo no que figuran todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais. No termo municipal de Redondela localízanse cinco elementos (a sobreira do Cristo de Arriba, o calocedro do Pazo de Torrecedeira e en Torres de Agrelo dúas camelias e unha tuia xigante) e este sería o sexto.

A sobreira da Peneda é unha árbore de 20 metros de altura da familia das fagáceas, coa copa irregular, escura, característica da rexión mediterránea e, polo tanto, non moi abundante en Galicia, onde se pode atopar sobre todo nos vales de ríos como o Miño, o Sil, o Umia e o Ulla.

Trátase dun exemplar de fermosa arquitectura e grandes dimensións, cun tronco moi groso que comeza a ramificarse a pouca altura. As ramas séguense dividindo ata formar unha copa de grandes dimensións, redondeada e aberta. Os efectos da idade, a exposición aos ventos mariños cargados de salinidade e o chan moi compacto comezan a manifestarse en forma de sequidade foliar.

Para a inclusión desta sobreira no catálogo, en todo caso, tivéronse en conta os seus importantes valores culturais. De feito, a sobreira atópase na fachada posterior da actual Ermida da Peneda, de estilo barroco e onde antes se asentaron, entre outros, un antigo castro e o Castelo de Castrizán, construído en 1477 polo Arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, coa principal función de vixiar a Pedro Madruga, que habitaba no veciño castelo de Soutomaior e non era partidario dos Reis Católicos.

Rebaixes, murallas, escaleiras e a planicie da cima onde hoxe se atopa a ermida son testemuñas da construción primitiva, o castelo destruído por Pedro Madruga. Á ermida chégase a través dun túnel de arco de medio punto e bóveda de canón que se encontra nunha muralla reformada no século XIX e que lembra outras entradas de castelos. Do castro orixinal pouco se conserva, pero si se atoparon na zona pezas de cerámica, obxectos de metal e moedas.

Tras estas novas incorporacións, o catálogo suma xa un total de 181 exemplares —143 árbores e 38 formacións— pertencentes a 80 especies diferentes. Por provincias, na de Pontevedra hai 48 árbores e 14 formacións.