O Rosal continúa no seu percorrido para converterse nun municipio máis accesible e inclusivo. Neste contexto o Concello adquiriu unha nova cadeira todo terreo coa que o veciño Manuel Sobrino puido completar a ruta dos muíños do Folón e do Picón. Un gran salto na inclusividade e accesibilidade dun dos lugares de maior riqueza natural e patrimonial do Rosal que, en palabras de Sobrino, por fin “deixa de ser inaccesible… non hai palabras para describilo”.

Manuel Sobrino, na cadeira, durante a andaina polos muíños do Folón e do Picón. | // D. P.

A alcaldesa Ánxela Fernández explica que nos muíños do Folón e do Picón “a cadeira demostrou que é eficaz en superficies de gran pendente”, e engade que os rosaleiros con mobilidade reducida “pronto desfrutarán dun servizo permanente para facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de persoas voluntarias”. A rexedora tamén quere agradecer a Manuel Sobrino “o seu esforzo e dedicación”, e ao Club ADN Rías Baixas que “nos acompañarán neste fito para a accesibilidade no noso Concello”.

Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que O Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.

Soutomaior

Os muíños do Folón e do Picón son un gran atractivo en toda a bisbarra. É así que veciños de Soutomaior desprazáronse ata O Rosal para realizar un roteiro medio ambiental guiado. Unha xornada didáctica na que coñeceron dende especies de plantas carnívoras, cogomelos, vexetación de ribeira e, por suposto, o funcionamento destes muíños declarados Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor patrimonial.