Croquetas e empanada de trigo de setas con castañas, receita da Adega da Tía Carmen; polo en crema de setas, do Bar Miro Pereira; fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, do Bar Restaurante Curuxeira; filloas de champiñóns con gambas e de champiñóns con gulas, da Casiña da Tía Albina e pizza mar e monte, de salmón afumado con variado de setas, da Tapería A Cova da Santa serán os pratos que poidamos comer mañá na Gran Degustación de Cogomelos que se celebra na contorna do Pazo de Mos.

Trátase da dezasete edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos que se veñen desenvolvendo ao longo de toda esta semana con charlas e conferencias e, esta mesma mañá, celébrase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por dous monitores especializados e para cal era preciso inscribirse previamente. Tódolos exemplares collidos hoxe exporanse mañá nunha mostra e consulta de cogomelos aberta ao público en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas no propio Pazo.

Polo en crema de setas preparado no Bar Miro Pereira, en Petelos, Mos D. P.

A Gran Degustación deste domingo estará complementada co V micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 e ata as 15.00 horas a cargo dos cinco establecementos hostaleiros antes mencionados, os cales ofrecerán estes mesmos pratos nas súas cartas ao longo de todo o mes de novembro. E tampouco faltara a música para amenizalo día: ás 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo Acordeireta e ca pola tarde, ás 18.00 horas, actuarán Xoan Curiel e Charo Pita co espectáculo “Canta miña pedra, canta”.

Cartel de las XVII Xornadas micolóxicas e forestais de Mos

As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hostaleiros, e subvención da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Charlas micolóxicas e forestais

O luns Xosé Braulio Mondragón Abuín falou sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, ofreceu unha conferencia baixo o título ‘Froitos, diversidade é riqueza’. O mércores Marisa Castro, Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, presentou o relatorio ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves Puri Lorenzo, bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire e presente sempre nestas xornadas, falou sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E na xornada de onte pechou o ciclo de charlas José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, con ‘Cociñando cogomelos’.