Rapaces de toda Galicia que forman parte dos consellos municipais da Infancia e Adolescencia trasladaron aos grupos políticos do Parlamento e ao goberno da Xunta de Galicia as propostas que estiveron deseñando o pasado mes de outubro no encontro autonómico. A temática deste ano é o medio ambiente e as iniciativas da mocidade versan sobre as posibles actuacións que debe levar a cabo o goberno galego para que Galicia sexa unha comunidade máis sostible.

Participantes do Porriño. | // FDV l. c.

Por Tomiño, do Consello Voces Novas, acudiron a Santiago de Compostela Javier Lluch e Laura Teixeira, de Porriño foron Carla Godoy e Nicolás Freiría, de Redondela Carla Acosta, de Nigrán Paula e Cayetana e de Ponteareas Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González. Todos eles, integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de cadanseu municipio, asistiron e interviron, en representación de todos os seus compañeiros, no Foro de Participación Infantil e Adolescente, un encontro organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, que se celebra anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia que se celebra hoxe mesmo, 20 de novembro, motivo polo cal esta semana celebráronse tamén plenos infantís nestes concellos da bisbarra, que se atopan entre a decena de Cidades Amigas de Unicef en Galicia.

“Viñemos hoxe aquí porque estamos sensibilizados coa problemática ambiental e porque nos preocupa que moitas persoas aínda non o estean”, dixo Javier Lluch na súa intervención, na que se referiu ao cambio climático, á contaminación, ao mal uso da enerxía e dos demais recursos non renovables, á importancia de reciclar e de aforrar...

Ademais, comprometéronse a seguir traballando na concienciación da veciñanza de mercar de forma consciente, usar botellas reutilizables e bolsas biodegradables, consumir produtos ecolóxicos e de proximidade e aforrar recursos naturais.