O Concello da Guarda presentou unha programación de outono con actividades para todos os públicos, eventos culturais con obras de teatro e exposicións, así coma numerosos obradoiros e accións formativas e a programación específica da conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero.

O vindeiro sábado, ás 18.00 horas no centro cultural, representarase o espectáculo de maxia infantil “A igualdade non ten truco” e o venres 19, ás 21.00 horas sobre o mesmo escenario, teatro para adultos: “Illas Desertas”. Para asistir é preciso inscribirse a través da web eventbrite.es ou no propio centro cultural.

25 N

O xoves 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ás 20.00 horas, o centro cultural acolle o espectáculo “O ben querer(se)”, por Aldaolado, onde as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na vida pública e privada.

E o sábado 27, no mesmo lugar, continuarse con conmemoración do 25 N a través dos contos. Ás 17.00 horas contos en familia “A Igualdade como fío condutor”, da man de Cris de Caldas, un espectáculo para bebés (1 a 5 anos); contos con música, exposición de libros e conversa didáctica coas familias. Ás 18.30 horas arrancará “Contos en lila”, contos para rir, emocionar e reflexionar sobre o mundo que queremos, por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Xa para rematar a xornada, ás 20.30 horas terá lugar “Mulleres de conto”, una peza para público adulto (a partir dos 16 anos) a cargo de Cris de Caldas, onde mulleres anónimas que con intelixencia, retranca e pouco máis, pois nada tiñan, foron quen de vencer as inxustizas ou saltar obstáculos.