O Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres de Tui é xa un referente en toda España. O centro, que conta con cinco aulas en distintas parroquias de Tui: Areas, Pexegueiro, Baldráns, Ribadelouro, y Guillarei, foi distinguido por ser un exemplo de dinamización en contornas rurais, a través da participación e implicación das familias e dos membros da comunidade da que forma parte. Destaca tamén polo seu compromiso con valores como a solidariedade, a sostibilidade e a integración nas súas actividades formativas e pola súa capacidade de transformación educativa.

Con tal motivo as Súas Maxestades Os Reis, don Felipe e dona Letizia, desprazáronse a Tui a pasada semana para facerlle entrega do Premio Escola do Ano 2020 da Fundación Princesa de Girona. Alí, tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o labor desta escola rural de Educación Infantil onde acoden a diario máis de medio cento de nenos, nunha visita na que estiveron acompañados por diversas autoridades entre as que se atopaban a ministra de Educación y Formación Profesional, Pilar Alegría; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, guiados polas directoras do centro Marta González e María Teresa Domínguez.

Na visita á aula de Baldráns puideron coñecer algúns dos proxectos nos que traballa o CRA e que foron motivo do premio, é o caso do obradoiro de show cooking, a través do cal o alumnado coñece a alimentación de proximidade e adquire competencias transversais; o sementeiro, que fomenta valores como o respecto e o coidado da natureza e os obradoiros de landras para facer fariña, ilustración e lectura con lingua de signos.

A visita continuou na aula de Pexegueiro, onde o alumnado realizaba unha clase de ioga, obradoiros de construción de instrumentos con elementos de reciclado e robótica.

Dende o centro explican que a súa filosofía é “participar na comunidade, dar cabida aos veciños ou a avoa que quere traballar con nós a horta e o pai que ven a explicar o seu traballo”

O rei don Felipe destacou que “a escola rural proporciona un escenario magnífico para que a aprendizaxe sexa activa e significativa, fomentando a igualdade de oportunidades, unha participación aberta de toda a comunidade, y para que a innovación educativa sexa constante e determinante”.