A Xunta de Galicia recoñeceu o proxecto “Unha biblioteca para Xela”, da Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, co IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que ten como obxectivo impulsar e pór de relevo os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais.

O galardón foi entregado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na clausura da III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, celebrada na Biblioteca de Galicia baixo o título A biblioteca social. Lorenzo salientou “a función integradora das bibliotecas e a súa capacidade para estimular a cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade”. Así mesmo, louvou o proxecto galardoado nesta edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, dotado con 3.000 euros, destacando o xeito en que “conxuga innovación e excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión”.

Este galardón recoñece anualmente proxectos desenvolvidos en bibliotecas públicas municipais e relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informativas e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030.

A esta cuarta convocatoria optaron proxectos de bibliotecas dos concellos de Bande, Carballo, O Porriño, Ribadavia, Soutomaior, Verín e Redondela.

A primeira entidade galardoada con este premio foi, no ano 2018, a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo proxecto “O berberecho rebecho viaxa a La Turballe”, mentres que na segunda edición recoñeceuse o mapa literario de Vigo elaborado pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. A última en incorporase a esta listaxe foi a Biblioteca Municipal de Bóveda, recoñecida pola súa capacidade para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que tiña en conta as circunstancias de todos os veciños ao adquirir recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros e adaptar o acceso ás súas instalacións.