O Concello de Nigrán destina 40.000 euros para a creación dun ximnasio no Centro de Educación Especial Juan María.

Nas instalacións contan xa con maquinaria deportiva (bicicletas, cintas…) grazas a unha achega da Xunta de Galicia, pero non dispoñen do lugar adecuado para colocalas, de modo que todas as máquinas están dispersas polo centro, en diferentes aulas e mesmo nos corredores.

Con tal motivo, fai un tempo xa que dende o centro iniciaran unha campaña de recadación de fondos baixo o nome de “Juan María en forma!”. Unha campaña de crowdfunding para conseguir os cartos suficientes para acondicionar un aula a modo de ximnasio. Agora xa non será preciso grazas a esta aportación da administración municipal.

Ademais desta proposta, o goberno local aprobou consignar outra cantidade importante procedente do remanente para a adquisición dun minibus eléctrico e a repatriación do mosaico romano de Panxón.