A cantautora Sés é a encargada de poñer a nota musical ao programa de actividades organizado polo Concello de Baiona con motivo da conmemoración do 25 de Novembro. Hoxe, a partir das 19.30 horas no auditorio municipal V Centenario, ofrecerá un concerto presentación do seu novo traballo discográfico “Liberar as arterias”. A asistencia é gratuíta previa retirada de entrada a través da web municipal www.baiona.gal

Sinatura do convenio. | // FDV

“Novembro Lila” que así se chama a programación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, deu comezo onte coa inauguración da exposición colectiva “Amor, xénero e outras violencias” no multiusos do Mercado de Sabarís. Unha mostra conformada por varias artistas como son Andrea Costas, Mar Caldas, Elena Gómez e tamén alumnado de 1º de fotografía da facultade de Belas Artes de Pontevedra.

E mañá proseguirán as actividades co teatro coa posta en escena da obra “Fendas” a cargo de Mónica Sueiro. Trátase de distintas intervencións escénicas para sensibilizar contra a violencia de xénero. Será ás 12.00 horas no casino de Sabarís e ás 13.00 horas na Praza Vitoria Cadaval. E nesta mesma liña, o día 27 de novembro interpretarase “Creba(me)”, ás 17.00 horas en distintos escenarios: Praza do Pai Fernando, contorna da Capela da Misericordia e Praza de Santa Liberata. E o domingo 28, ás 12.00 horas no Mercado de Sabarís, o espectáculo de títeres “A carteira de Augasclaras” de Carmen Domech.

Tampouco faltará a literatura. Desta quenda da man da escritora baionesa Iria Misa que presentará o seu libro “A cidade do Átomo” o vindeiro venres, día 12, ás 19.30 horas no multiusos do Mercado de Sabarís. A obra logrou o recoñecemento do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade en novembro de 2020.

Pensando na mocidade organízase unha “escape room”, un xogo moi de moda que neste caso se centra na igualdade e prevención da violencia de xénero. “Rexeita o matrato”, que así se denomina, será o 14 de novembro, a partir das 16.30 horas polo casco vello da vila. Un xogo mental en equipo (para maiores de 12 anos) deseñado cun fin coeducativo e co obxectivo de concienciar á poboación sobre o modelo de relación social entre homes e mulleres.

A promoción da igualdade e a diversidade tamén chegará ás aulas a través de contacontos “O ratiño presumido”. Así os colexios de Sabarís, Belesar, Cova Terreña e Fontes acollerán esta representación na que se fai unha versión propia do conto popular rompendo estereotipos e dramatizando coa colaboración do escolares.

Por outra banda, no caso do alumnado de ESO, o día 24 farase entrega dos premios de concurso de debuxo e eslogan contra a violencia de xénero. E o propio día 25 os estudantes de 4º de ESO do IES Primeiro de Marzo participarán no obradoiro “Os amores matan”.

“Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres”, sinalou a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, durante o acto de presentación do programa. “Novembro Lila vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía”, concluíu.

Aposta polo autocine, cinema infantil e web serie feminista

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona volve apostar polo autocine con perspectiva de xénero como actividade enmarcada dentro do “Novembro Lila” tralo éxito do ano pasado. A sesión terá lugar o vindeiro sábado, día 13, ás 19.30 horas en Chan da Lagoa. Trátase dunha iniciativa gratuíta a través da cal se proxectará a película “La boda de Rosa”

A sétima arte estará tamén presente a través dunha proposta de cine en familia: “O Festivaliño”, o cine itinerante máis pequeno do mundo que fará unha parada en Baiona a fin de semana do 20 e 21 de novembro. Ao longo de toda a xornada do sábado 20 estará no multiusos do Mercado de Sabarís e o domingo 21 na Alameda Carabela Pinta. “Festivaliño” é un proxecto de distribución, exhibición e creación de cine infantil dirixido a público e 3 a 12 anos. As curtas proxectadas educan en valores sociais como son o respecto, a igualdade, a amizade e a inclusión.

Outra proxección que tamén se inclúe no “Novembro Lila” é a de “Monstras”, a primeira web serie feminista de Galicia. Foron 23 as persoas, todas mulleres, que participaron na súa gravación, financiada en réxime de crowdfunding. Entre elas, as actrices Patricia Torres, Antela Cid e Neves Rodríguez, a directora de fotografía Bea Saiáns e a propia directora Eire García Cid, todas elas veciñas do Val Miñor. Proxectarase o venres 26, ás 18.00 horas, no multiusos do Mercado de Sabarís.