A vendima está a pleno rendemento na Denominación de Orixe Rías Baixas e supera xa o seu ecuador. En Arbo ou Salvaterra de Miño comezou a recollida a inicios de mes e os viticultores apuraron a vendima esta semana ante a previsión de chuvia.

Despois das tormentas da pasada semana, a gran maioría das adegas da denominación comezaron a campaña dun modo ordenado. O director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, concreta que “teremos que agardar un pouco debido á meteoroloxía pero pódese dicir que na denominación xa pasamos o ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recolleitos”.

Son en total 179 as adegas elaboradoras nesta campaña dentro da D.O. Rías Baixas. “Á vista do óptimo estado de maduración da uva e a estabilidade atmosférica existente, a vendima xeneralizouse no cinco subzonas”, indica Agustín Lago, quen asegura que “parece que se van cumprindo as cifras recollidas no Informe de Estimación de Colleita 2021, presentado polo Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que teremos unha moi boa cultiva contorna aos 43,7 millóns de quilos de uvas”.

As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e O Rosal. As adegas da denominación comezaron por recoller as variedades brancas (máis de 28 quilos ata esta semana).

Nesta vendima son máis de 5.046 os viticultores os que recollen a uva nas 4.187 hectáreas de superficie produtiva da Denominación de Orixe Rías Baixas.

De novo esta é unha vendima en pandemia. Por iso, o Consello Regulador conta cun protocolo e unhas normas de prevención específicas contra a COVID-19 para os 24 veedores/auditores e para o persoal técnico implicados na vendima. Ademais das normas xerais “uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal-, establécense especificidades relativas ás auditorías a realizar nas adegas inscritas e en viñedo.

O conselleiro ed Medio Rural, José González; o delegado territorial da Xunta, Luis López; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, visitaron a adega As Laxas e Eidosela.