Concienciar á cidadanía da importancia de manter os ríos limpos e con boa saúde é o obxectivo da limpeza simultánea “Móllate polos ríos” do Proxecto Ríos, iniciativa de Adega, que este ano celebra xa a súa décimo cuarta edición.

Con tal motivo numerosas persoas desprazaranse mañá domingo, 26 de setembro, aos ríos de medio cento de municipios galegos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. O Concello de Tomiño participa un ano máis na iniciativa, neste caso as persoas anotadas para formar parte destas brigadas actuarán nos ríos Pedra/Cereixo e tamén no Miño, á altura de Goián, a partir das 10.00 horas.

Dende a Omix de Tomiño levan días facendo un chamamento á participación. “É un día no que as persoas voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de quilogramos de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de voluntarios que teñen participado nas limpezas anteriores” indican animando “a participar este ano para que vaiades ata un dos nosos ríos e recollades ese lixo que acaba coa súa biodiversidade e beleza. O máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos realizamos. Axudamos a manter un bo estado de conservación os nosos ecosistemas fluviais e facémoslle ver á cidadanía que as pequenas accións valen moito”.

Para levar a cabo a actuación divulgouse un protocolo de limpeza de ríos, co fin de ofrecer unhas pautas sobre como se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais, e deberá tamén respectarse as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19. As persoas participantes serán agasalladas cunha camisola co lema “Móllate polos ríos”.

Entre o medio cento de municipios nos que se levarán acabo estas limpezas, ademais de Tomiño atópanse outros da bisbarra como son A Guarda, A Cañiza, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Ponteareas, Nigrán e Gondomar, nestes catro últimos contando coa colaboración dos concellos.

Voluntariado

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.