Un espazo cun gran valor patrimonial e etnográfico que integra, ademais de áreas para o lecer e a convivencia para todas as idades, unha antiga mina de auga restaurada e un lavadoiro. Así é como definen no Rosal o ecopoarque O Campo Novo, en Viso dos Eidos.

O Ecoparque érguese nunha contorna estratéxica á nivel paisaxística, xa que está ao lado do río Padín e próximo aos muíños do Folón e o Picón, polo que se converterá nunha parada obrigatoria nos paseos da veciñanza.

A inauguración do Ecoparque, á que acudiron uns 200 veciños, veu acompañada tamén do seu primeiro gran recoñecemento. O espazo recibiu a mención de honra nos prestixiosos premios de arquitectura Simonetta Bastelli. O xurado recoñeceu o gran labor da arquitecta e paisaxista María Fandiño para crear un espazo no que a arquitectura se mimetiza dunha maneira sostible e eficaz co patrimonio natural e etnográfico de Viso dos Eidos.

Trátase dun ecoparque de uso polivalente para todas idades. Para os nenos disponse de diversos xogos de madeira, tamén hai varias mesas para o desfrute das familias, diferentes recunchos onde convivir, falar, ler, xogar… ademais de dous parques biosaudables a petición das veciñas da contorna.

A entrada ao ecoparque tamén conta cun espazo asfaltado que se pode dedicar a varios usos, dende aparcamento ata escenario musical, como foi o pasado domingo, co concerto inaugural que ofreceu a Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mostrouse “moi feliz” polo remate dun proxecto que se alongou dous anos e que comezou cun proceso participativo aberto a toda a veciñanza.

Este ecoparque segue na liña estratéxica do Concello do Rodal de desenvolvemento dos espazos para as persoas que se iniciou coa Explanada do Horizonte e que continuará co Sobreiral.