A Concellería de Educación de Soutomaior repartiu un total de 960 axendas escolares entre o alumnado dos diferentes centros de educación pública do municipio.

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas no CEIP Plurilingüe Quintela | //DP

Este é o cuarto ano en que o Concello se encarga da edición e entrega destas axendas ideadas co obxectivo de proporcionar aos estudantes unha ferramenta coa que mellorar a organización das súas tarefas e que á vez sirva para facer máis fluída a comunicación entre pais e profesores.

Ademais dun calendario detallado e axustado ás necesidades dos escolares, como apartados para o horario escolar, exames e deberes, a axenda escolar para o curso 2021-2022 inclúe todos os programas municipais relacionados coa educación que levan a cabo durante o ano, como talleres e actividades de diversos tipos.

Do mesmo xeito, a axenda tamén inclúe contidos para promover a normalización da lingua galega entre o alumnado, as conmemoracións e datas destacables, así como unha listaxe dos principais teléfonos e correos electrónicos de interese para os escolares.

Lembranza ás mulleres da Illa de San Simón

O Concello de Redondela tamén repartiu axendas entre o alumnado de educación Infantil e Primaria.

Pensadas como un instrumento útil entre a comunidade educativa e de axuda á planificación do traballo dos escolares, estas axendas foron ideadas tamén para poñer en valor episodios da historia do municipio para que os máis novos a coñezan e poidan transmitila a vindeiras xeracións. É así que, dado que este ano 2021 é para o Concello de Redondela “O ano das Mulleres da Illa de San Simón” a axenda escolar 2021/2022 inclúe nas súas primeiras páxinas as fotos e unha breve historia de todas e cada unha das ‘madriñas’, auténticas heroínas, mulleres que foron quen de achegar esperanza e dignidade aos presos políticos que esperaban, na Illa de San Simón, un futuro incerto.