O municipio portugués de Paredes de Coura acolleu ao longo dunha semana o encontro internacional YOUth Grow!, un evento organizado no marco do proxecto europeo Play2Grow que procura desenvolver valores e habilidades chave para a xuventude a través da música.

A localidade recibiu a quince mozos e mozas de Tomiño, Paredes de Coura e Aosta (Italia), cinco de cada país socio, que se reuniron no Centro de Educación e Interpretación Ambiental (CEIA), un lugar no que a música e a natureza se fusionaron durante cinco días cheos de actividades.

Música para filmes mudos

O alumnado tivo a oportunidade de aprender con profesores e monitores procedentes dos tres países participantes no proxecto, onde realizaron diversos obradoiros e actividades de ocio nos que aprenderon a tocar música ao vivo para películas mudas cos músicos e formadores da formación musical Space Ensemble, outra das colaboradoras do proxecto. Durante as xornadas puideron abordar técnicas de improvisación musical, explorar sons e realizar exercicios que non teñen a oportunidade de desenvolver na educación musical convencional. Tamén tiveron a oportunidade de crear todos xuntos unha canción aproveitando as distintas aportacións que cada un dos mozos e mozas fixo ao grupo en materia de coñecementos e formación.

Pola parte tomiñesa participaron cinco alumnos e alumnas da Escola de Música de Goián, Aroa Fernández, Marina Ruedas, Iria Muñoz, Aaron Laiseca e Javier Lluch, ademais do profesor e voluntario da OMIX Andrés Álvarez.