O Concello do Rosal continúa apostando por acompañar ás familias na educación dos seus fillos. Por este motivo pon en marcha o proxecto ‘Educando en familia’, un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas. “Queremos que sexa unha iniciativa dinámica que recolla as suxestións e achegas sobre cuestións que interese ás propias familias e que se converta nun espazo onde escoitalas e onde ter en conta as súas necesidades sobre educación e crianza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.

A iniciativa contempla unha serie de charlas no Centro Social Polivalente do Rosal apoiadas por profesionais en pedagoxía, psicoloxía, formación ou educación familiar, entre outros. A entrada será sempre libre ata completar aforo, aínda que para asegurar a asistencia as persoas interesadas poderán inscribirse previamente a través da web municipal antes do luns anterior a cada encontro. Ademais, ofrecerase servizo de canguro para facilitar a asistencia e conciliación de todas e todos os participantes.

A primeira charla terá lugar o vindeiro venres, 1 de outubro, ás 19.00 horas, e estará centrada nas ferramentas para un estudo eficaz en familia. A pedagoga Eva Gándara falará de que poder facer na casa para que o ambiente de estudo sexa o axeitado, sobre como se sobreprotexe aos nenos nas diferentes etapas escolares e as ferramentas para favorecer un estudo autónomo e eficaz.

No mes de outubro celebrarase un segundo encontro, o día 29, no que a psicóloga Andrea Iglesias abordará a comunicación na familia durante a adolescencia. Na charla do venres 26 de novembro, as familias poderán falar sobre a importancia do xogo e o xoguete na infancia coa educadora social Angelina Gándara e o 17 de decembro a terapeuta ocupacional Lorena Guerra descubrirá a importancia da autonomía persoal no desenvolvemento e aprendizaxes dos nenos e nenas.

Espazo Crianza

De xeito paralelo, nace Espazo Crianza, un lugar de encontro e acompañamento ás familias con nenos de 0 a 12 meses e xestantes. Por un lado, haberá acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais xestantes a partir da semana 28 de embarazo, con sesións quincenais os mércores que comezarán o vindeiro 6 de outubro. E por outra banda, haberá dous grupos para acompañar ás familias no desenvolvemento integral do seu bebé, un será para bebés de 0 a 6 meses e outro de 6 a 12 meses. Neste caso tamén será unha sesión quincenal que comezará o mércores 13 de outubro.

A participación neste espazo é de balde. As persoas interesadas deberán facer unha inscrición previa enchendo o documento que se atopa na web municipal e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar.