Manter vivas as tradicións e as costumes da vila é un dos obxectivos cos que o Concello de Baiona recupera a romaría de San Cosme e San Damián que se celebra este fin de semana.

Pódese dicir que con ela despídese o verán e dáselle a benvida ao outono, que neste caso prevese que veña cargado igualmente de actividade cultural e de lecer, mantendo sempre as medidas e cumprindo os protocolos COVID-19.

Precisamente, por mor da pandemia o pasado ano non se puido celebrar e agora volve, con forza, esta cita ao calendario.

A programación deu comezo onte venres, festivo local, coa actuación para os máis pequenos de Cé Orquestra Pantasma e tamén do grupo de gaitas Os Trebellos, e estenderase ao longo dos días de hoxe e mañá. Liturxias, espectáculos, música e, o máis destacado sen dúbida, o mercado ambulante da Festa da Mel e as Noces no que calquera persoa que se achegue poderá adquirir non so mel e noces senón todo tipo de produtos do campo, froitas, verduras, apeiros de labranza, aceites, plantas ornamentais, antigallas, artesanía e un longo etcétera. O medio cento de postos permanecen instalados ao longo das tres xornadas na Praza de Santa Liberata, estendéndose pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Actos relixiosos

Polo que respecta aos actos relixiosos, hoxe haberá misas ás 18.00 e ás 20.00 horas e mañá domingo ás 08.00, 09.00, 10.30, 12.30, 18.00 e 19.00 horas. Debido á COVID-19, non se celebrará a procesión habitual da misa solemne e, no seu lugar, haberá un acto de veneración das reliquias.