Converterse nun punto de encontro de xadrecistas e en promotor da práctica deste xogo en toda a comarca do Val Miñor. Esta é a pretensión do Concello de Gondomar coa posta en marcha da Escola Municipal de Xadrez, “da que esperamos xurdan novos campións e campioas na materia”, subliña o alcalde Paco Ferreira.

Gondomar relanza así o xadrez, “impulsando un proxecto ambicioso de promoción, formación, organización e competición”, en colaboración con Xadrez Galego para crear unha escola municipal e difundir esta modalidade deportiva na comarca coa colaboración do mestre internacional e director de Xadrez Galego, Roberto Páramos, que agradeceu “a boa disposición mostrada por Gondomar e o seu alcalde á hora de apoiar a posta en marcha do centro, no que ademais de formar a futuros xadrecistas, tamén nos encargaremos de potenciar e promocionar esta actividade a de organizar diferentes competicións”. Páramos está seguro que se trata “dunha oportunidade para converter a localidade no eixo xadrecístico do Val Miñor e, co tempo, poder convocar ao milleiros de afeccionados galegos e portugueses para que descubran a vila”.

A escola, que comezará a funcionar en breve, está dirixida tanto a nenos, como mozos e adultos, e contempla a opción de impartir as clases de maneira presencial ou de xeito telemático, “para facilitar ao máximo a posibilidade de formarse a todos aqueles que estean interesados en matricularse”, sinalou o alcalde, quen anunciou que “iremos máis aló á hora de relanzar esta actividade deportiva, coa celebración de xornadas abertas e campionatos durante todo o ano”. Ademais colocaranse diferentes taboleiros de xadrez en zonas de lecer, ao aire libre, nas que poder xogar tamén en calquera momento..

Aberta a inscrición nas diferentes escolas deportivas

O Concello de Gondomar vén de abrir, esta semana, o prazo de inscrición nas diferentes escolas deportivas municipais que comezarán no mes de outubro. Este curso ofertaranse un total de 20 actividades organizadas pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra e diferentes clubs deportivos do municipio.

As persoas interesadas poderán inscribirse na oficina do Pavillón municipal Bernabé Costas de Miranda ata o vindeiro xoves, 30 de setembro, en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Tenis, judo, fútbol, balonmán, ximnasia acrobática, atletismo, tiro ao arco, tenis de mesa, taekwondo, baloncesto, fitness, escola de GAP e fútbol gaélico son algunhas das opcións que se ofertan este ano, e que se desenvolverán coincidindo co calendario escolar dos participantes.

O prezo de matrícula de calquera actividade será de 83,83 euros (incluíndo nesta cantidade o pago do seguro), por curso de 9 meses, e 75,61 (incluíndo seguro) por curso de 8 meses. Así mesmo aplicarase unha redución dun 25% no caso de matrícula dun segundo membro da mesma familia, e dun 50% sobre a tarifa para partir do terceiro e seguintes.