Así foi o verán na Guarda. O Concello vén de pechar a programación estival caracterizada por estar realizada de acorde ás medidas sanitarias vixentes e con exhaustivos protocolos COVID-19, que favoreceron a realización de actividades culturais con tódalas garantías de seguridade fronte a pandemia.

Un dos concertos do festival “Mar de Blues”.

Dende o Concello da Guarda agradécenlle á poboación guardesa e visitantes o cumprimento destas medidas, así coma a alta participación nos diferentes eventos programados neste verán que vén de rematar, con actividades para toda a familia e tódolos gustos: teatro, música, exposicións…

“Teatro no Trega”.

Destacaron nestes meses eventos coma “A Guarda Diversa”, “Mar de Blues”, “Música nos xardíns”, as visitas guiadas ao Monte Santa Trega, “Teatro no Trega”, ioga ao aire libre, viaxes na embarcación do Piueiro, o II Encontro do Libro Luso Galaico, a Mostra Creativa do Baixo Miño e concertos de importante calado con artistas coma Guadi Galego, Na Revolta, e Klason, entre outros.

As xornadas de observación de estrelas e eventos deportivos coma o Torneo de Petanca, Campionato de Futvolei, caiac e de surf, tamén contaron cunha ampla participación. E a Biblioteca Pública Municipal da Guarda organizou ao longo do verán varias actividades infantís e de animación a lectura, que congregaron un bo número de asistentes.

Os pasarrúas ao aire libre deron o relevo ás verbenas nas festas que debido á pandemia non se puideron celebrar, coma a Festa da Langosta, Festas do Carme, Festas de San Cayetano, Festas da Guía, Festas do Santísimo, Festas de San Antonio e as Festas do Monte, animando a vila con música e espectáculos coma a Batukada Bate no Cobre e O Séquito do Capitán Nemo, entre outras actividades complementarias.

As exposicións tamén marcaron este verán na Guarda coa Exfimiño 2021 organizada dende A Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa e a mostra “Facedoras do Baixo Miño”, que encheu de vida e cor os baixos da Casa dos Alonso con fotografías para poñer en valor o traballo da muller en diferentes ámbitos da vida cotiá e empresarial.

A danza e o baile tamén tiveron cabida co espectáculo de O Fiadeiro e os Festivais de Baile Moderno e Folclórico de Xamaraina, que encheron de público o auditorio de San Benito.

O Concello da Guarda agradece unha vez máis o traballo dos diferentes departamentos e persoal municipal que colaboraron de xeito mutuo para a organización e desenrolo das actividades programadas: departamento de Cultura, Turismo, OMIX, Policía Local, GES, departamento de servizos, así coma entidades, asociacións e comisións de festas da vila, onde unha vez máis quedou de manifesto que a unión e o traballo conxunto da lugar a actividades de lecer e ocio para o desfrute de veciños e visitantes.