O Concello de Gondomar organizou unha actividade coa que se propón percorrer o Camiño portugués pola costa en catro etapas que permitirán aos participantes recibir a Compostela unha vez cheguen a Santiago.

Ben cedo e con moitas ganas de gozar da experiencia os algo máis de medio cento de peregrinos que se sumaron á actividade, organizada pola Concellería de Turismo, poñíanse en marcha, o pasado sábado, desde o auditorio municipal Lois Tobío para cubrir a primeira etapa Gondomar-Vigo, na que percorreron un pequeno tramo do Camiño da Nosa Señora do Norte para sumarse ao Camiño Portugués pola Costa ao chegar a Nigrán, roteiro que seguirán xa durante toda a peregrinación.

Ese camiño, de algo máis de 100 quilómetros, é o que cubrirán en catro etapas na que cada sábado de setembro percorrerán preto de 30 quilómetros como media, cubrindo así hoxe a segunda etapa, o tramo Vigo-Pontevedra; o vindeiro sábado 18, Pontevedra-Valga e, finalizar, o día 25 co tramo Valga-Santiago de Compostela.

Cada xornada un autobús despraza aos participantes desta actividade ao punto de partida e unha vez completada a etapa volven de regreso a Gondomar . Ademais, van acompañados en todo momento de vehículos de apoio loxístico, persoal da organización, por calquera imprevisto que poida xurdir, e contan con varios puntos de avituallamento con refresco, froita, auga e doces.

Dende a Concellería lémbrase que, como en todas as actividades que se veñen realizando dende o goberno local, respectaranse en todo momento as medidas de prevención fronte a COVID-19, e para seguir garantindo a seguridade, facilitaráselle unha mascara a cada peregrino antes de cada etapa.

A organización deste evento responde á demanda que moitos veciños fixeron chegar á Concellería interesados en facer o Camiño de Santiago coincidindo co Ano Santo.