O GDR Eurural, que abrangue os concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui, continúa a dar pasos no camiño para poñer en valor os produtos gastronómicos do territorio máis alá das nosas fronteiras ao abeiro do proxecto Eurochef. A presidenta do grupo de desenvolvemento, Sandra González, recibiu esta semana á comitiva con representantes dos seus socios no proxecto de cooperación transnacional Eurochef que, tras a súa participación no Salón da Alimentación do Atlántico de Silleda, están a percorrer o territorio para afondar no intercambio de ideas e experiencias.

González deu á benvida ao equipo técnico do GDR Pontevedra Norte (que integra aos concellos de Agolada, A Estrada, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e grupo de desenvolvemento rural de Bucovina de Munte, situado ao norte de Romanía, que viaxou estes días acompañado de representantes políticos, as chefs Ana María Elisabeta Stan e Alina Macovei e produtores locais Pontevedra Norte para afianzar unha cooperación que busca fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras e crear así novos mercados noutros países.

“É un pracer tervos aquí, porque para nós é moi importante compartir experiencias con outros grupos doutros países e coñecer rexións como a vosa, con produtos de alta calidade”, asegurou a presidenta, que salientou que “para o GDR Eurural a aposta pola economía local baseada no produto, na gastronomía e no consumo de proximidade é un piar básico do desenvolvemento rural”.

O alcalde da localidade romanesa de Fundu Moldovei, Tudor Zdrob, quixo agradecer a grande acollida e destacou a importancia da visita, coa que “estamos aprendendo dos novos proxectos que estamos descubrindo, porque nalgúns aspectos estades máis avanzados que nós”. O GAL Bucovina de Munte aglutina un territorio con 10 localidades de produción agrícola e de pequenos hoteis turísticos para o que o Eurochef “é un proxecto que se adscribe perfectamente ao que queremos traballar na nosa zona para seguir crecendo. Vivimos nunha zona moi parecida, no clima, no verde, na ocupación económica... e durante estes días estamos a sacar moi boas ideas para o noso territorio”.

Plans futuros

Tras o paso do proxecto polo Salón da Alimentación do Atlántico a pasada fin de semana con 15 showcookings e cata de viños do territorio, os tres GDRs socios continuarán traballando no proxecto coa creación dunha web site propia da marca onde atopar información do proxectos, de receitas e de produtos do territorio que poderán adquirirse incluso a través dunha plataforma e-commerce.

Ademais, os grupos de desenvolvemento galegos participarán en varios eventos gastronómicos en Romanía, elaborarase un vídeo documental sobre produtos, empresas produtoras, receitas tradicionais, innovación, lugares, patrimonio... e outras moitas accións, como a participación dos chefs dos tres territorios en Madrid Fusión 2022, unha das maiores feiras de alimentación a nivel internacional.