O Concello de Redondela convoca o I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, presentaron este certame que, aseguraron “nace con vocación de continuidade” e co que se pretende recoñecer publicamente “a ética á hora de tratar informacións tan delicadas como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e das persoas sobreviventes máis vulnerables”.

Destacaron tamén que este premio “quere ser tamén un recordatorio permanente ás vítimas da senrazón que é violencia machista, unha das maiores lacras da sociedade” e dar a coñecer “o traballo de aqueles e aquelas que, a través dos seu traballo xornalístico “poñen o seu gran de area por conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e máis decente”.

Nesa liña, cómpre salientar que os premios terán tamén en conta aos profesionais que, “con valentía atendan a esta secuela do patriarcado e do machismo como se merece: sinalando a súa profunda raíz e alentando a toda a sociedade a arrincala de vez”.

A alcaldesa sinalou que “é moi doado caer en tópicos e sensacionalismos á hora de informar sobre a violencia contra as mulleres e consideramos que era preciso premiar a aqueles e aquelas que, conscientes da gravidade da situación, evitan calquera tipo de sensacionalismo antepoñendo a ética profesional a calquera outra consideración”.

Premio de 1.500 euros

O I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista está dotado con 1.500 euros en metálico e os traballos a presentar, con data límite o día 30 deste mes de setembro, poden ser de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2020 e o 31 de agosto de 2021.