Salvaterra de Miño ofrece servizo gratuíto de préstamo de bicicletas. Para usalo os menores de 16 anos deberán levar o seu propio casco de protección para poder empregalas. Os menores de idade precisan consentimento dun titor legal.

O concello de Salvaterra de Miño é dos poucos de Galicia que contan con bicicletas de paseo de xeito gratuíto, que poderán empregar veciños e visitantes para percorrer o casco urbano, o carril bici e as sendas dos ríos.

O que o desexe poderá facer de forma natural unha ruta polos 25 quilómetros de sendas que ten Salvaterra polos ríos (Mendo, Miño e Tea), o recinto amurallado e a ponte medieval. Entre as máis novidosas está a senda entre Salvaterra e Tui, ata o río Caselas.

Con esta iniciativa o Concello quere fomentar o deporte e hábitos saudables entre os seus veciños e veciñas, o uso de medios de transporte ecolóxico e achegar a natureza e o propio patrimonio a todos e a todas, ademais de ser unha chamada para as miles de persoas que visitan Salvaterra na procura de tranquilidade e lecer, sen esquecer unha boa gastronomía.

Para coñecer as alternativas existentes no municipio, Salvaterra conta cunha oficina de turismo xunto ao Parque Público A Canuda, accesible tamén para persoas con mobilidade reducida.

No mes de agosto, a oficina de turismo de Salvaterra xa atendeu a máis de 600 persoas.

A oficina de turismo está á beira da ponte internacional que une coa vila de Monção. Unha ponte que forma parte da Eurocidade Salvaterra de Miño-Monção pola que transitan aproximadamente 9.000 coches diarios.

O Concello de Salvaterra mantén a súa aposta polo sector turístico como promotor económico e para o desenvolvemento de actividades complementarias para que os turistas ou futuros turistas fagan gasto turístico nos locais de hostalaría, aloxamentos da vila e o impacto que deixa tamén no comercio local.

O horario da oficina de turismo é de mércores a domingo de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas, de agosto a novembro.

O horario do servizo gratuito de bicicletas é de mércores a domingo de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas, de agosto a novembro.

Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 699090991 ou escribir un correo electrónico a turismo2@concellodesalvaterra.org.