Unhas trinta propostas culturais e deportivas, para todos os públicos e en diversos espazos da vila, completan o programa das Festas de Setembro do Concello de Ponteareas.

O pasado mércores iniciáronse Os Remedios cun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. O xoves o público familiar puido gozar co espectáculo do Mago Teto antes de que onte volvese a música con Boyanka Kostova, que fixo vibrar á mocidade nas cadeiras habilitadas para toda a fin de semana no parque da Feira Vella. Hoxe haberá un monólogo de Cándido Pazó e concerto de O Sonoro Maxín e mañá serán Voces de Arrieiro e Pelepau quen pechen as festas dos Remedios. Tamén para o domingo, ás 18.00 horas, aprazouse o desfile de xigantes e cabezudos previsto para o mércores.

Música tradicional

A música galega seguirá sendo protagonista no mes das festas e Ponteareas vive hoxe a 34º edición do Festival Folclórico do Condado con actuacións en diferentes puntos do centro urbano. O seguinte sábado, día 18, a vila será a capital galega da gaita co LIV Concurso de Gaitas do País, que se clausurará co concerto de Milladoiro.

San Miguel

A música de Tanxugueiras, da Banda da Loba, do Grupo América ou de Broken Peach, así como espectáculos para a infancia e o tradicional lanzamento de globos, formarán parte da celebración de San Miguel do 29 de setembro ao 3 de outubro.

Todos os concertos son gratuítos e teñen capacidade limitada. As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da web www.eventbrite.es.