Non houbo callos como tal pero si actividade cultural. En Salceda de Caselas non quixeron renunciar a celebrar unha das citas festivas do seu calendario e a pesar de que, por mor da COVID-19, a Festa dos Callos non implicou a degustación deste prato típico si supuxo unha semana de lecer para a veciñanza coa programación dunha serie de eventos culturais do 30 de agosto ao 5 de setembro.

Así, pola Praza do Concello pasaron Xoán Curiel coa Casa do Terror, Nelson Quinteiro co seu espectáculo de cabaré “Fala-me Trad”, SU.MA (Sue Moreno e María Move) coa representación de danza e circo “Ikigai” e as cantantes Xía e Xoana que ofreceron cadanseu concerto, ao igual que tamén actuaron, poñendo o broche final, Pelepau e a Banda Cultural de Salceda, nun encontro, no CEP Altamira, que debido a alta demanda de asistencia, nun primeiro momento ampliaron a capacidade en medio cento de cadeiras para, posteriormente, optar por retransmitilo en streaming a través da canle de YouTube do Concello. Tampouco faltou a sétimo arte, cunha sesión de autocine no campo de fútbol do Borralliño na que se proxectou o clásico “Grease”.

O concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, agradece “á veciñanza a súa asistencia ás actividades e sobre todo o seu comportamento, respectando en todo momento as medidas sanitarias actuais con responsabilidade”. Neste senso, asegura que “dende o Concello continuaremos apostando pola cultura segura, como mostra de apoio a un dos sectores máis castigados pola pandemia”.