Unha ruta musical polas rúas do casco urbano é a proposta lúdica que nos ofrece Baiona para esta fin de semana. A iniciativa non é nova, xa o pasado ano se presentara a quinta edición de Sons do Casco, pero finalmente tivo que suspenderse por mor da entrada en vigor de restricións derivadas da COVID-19.

Desta vez, o Concello volve organizar esta ruta musical co obxectivo fundamental de “dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de ocio baionesa”. Serán un total de 20 horas de música en directo de diferentes estilos, así poderemos escoitar jazz, blues, funk, flamenco, dj, rock ou pop a cargo dun total de 12 grupos.

As actuacións deron comezo xa onte á noite e continúan ao longo da fin de semana, hoxe dende ás 12.00 e ata as 21.45 horas e mañá domingo, de novo dende o mediodía e ata ás 21.00 horas, en tres escenarios diferentes, as prazas do Concello e de Santa Liberata e na Avenida Carabela Pinta.

A ducia de artistas participantes son Urbano Cabrera, Frans Banfield, Iwazuk, Up Two You, Smithsonian, Antonio Seijo & Skylight, Jugonesss, The Rockabilly Duet, Dr. Slump, Martín Rigz Trío, La Buena Vida e Movilla y Los Irrepetibles

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan os negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación queremos seguir atraendo, sempre de maneira segura, xente a Baiona y ofrecerlle á cidadanía local unha alternativa de ocio distinta. A ruta musical Sons de Casco ven a poñer a guinda á axenda cultural Baiverán, unha opción de lecer gratuíta para o desfrute dos veciños do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade”, destaca o alcalde Carlos Gómez Prado.

Tanto o rexedor local como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fan un chamamento á participación no evento e aproveitan a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e aos visitantes que se acheguen esta fin de semana a desfrutar dos espectáculos, xa que “vanse a poñer todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo é combinar o ocio coa redución ao máximo do risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, conclúe o alcalde.