Os concertos continúan na Guarda este mes. Para o vindeiro sábado, 18 de setembro, unha nova proposta: The Charráns e Zalomon Grass, actuarán ás 21.00 horas nos xardíns do centro cultural.

The Charrans actuará o 18 de setembro na Guarda. | // FDV

“Música nos Xardíns” é unha programación coa que o Concello da Guarda quere achegarse aos novos talentos musicais da vila e a súa contorna.

Nesta edición 2021 incorporáronse unha ampla variedade de ritmos e estilos. Para a vindeira fin de semana esta é a proposta:

The Charráns(A.K.A los charranes) é un grupo local da Guarda nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco “Punk furtivo” da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición.

Pola súa banda, Zalomon Grass destaca polo seu desbordante blues cósmico. Sacará ao público da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Aos que lles gustan os power tríos dos vellos tempos, esta banda vainos conquistar.

Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.

Esta programación parte dunha colaboración coas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano.

Na Guarda soaron tamén este verán Xisconnection & The Black Turf, Na Revolta ou Guadi Galego, entre outros.