O Festival do Rei Sol volve este ano ao máxico lugar do Cano dos Mouros (Viladesuso) coas súas propostas culturais arredor do patrimonio, a música, a narración oral e o teatro.

Será mañá domingo. As actividades comezarán ás 10.00 horas cunha andaina guiada, que sairá do Eirado de Viladesuso e terá unha lonxitude de 6 km; o itinerario incluirá unha parada con refrixerio amenizada pola agrupación musical “A Fiada de Viladesuso”. Ás 17.00 horas no castro do Cano dos Mouros haberá unha visita guiada e ás 17.30 terá lugar a actuación de contacontos infantís de “Codia e Miolo”. O teatro chegará ás 19.00 horas cunha representación a cargo do grupo local “O mellor de cada casa” e, finalmente, o peche da xornada festiva contará coa música de “Tra-lo Mosteiro” ás 20.00 horas.