Camicirco, un festival que mestura humor, ilusión e diversión, dirixido a todos os públicos, chega hoxe a Arcade. Trátase dunha novidosa proposta cultural dedicada ao mundo das artes circenses no marco do programa “Pasiño a Pasiño, Soutomaior no Camiño” .

No programa de actividades mestúranse varias disciplinas nas que participan compañías galegas e de fóra para que quede reflectida a interculturalidade do Camiño. A xornada de hoxe será no Peirao, e comezará ás 18.30 horas cun obradoiro de circo con varias estacións: malabares, aéreos e equilibrios, para o que se requiriu inscrición previa, e a continuación, ás 19.30 horas representarase Crunch!, un espectáculo de novo circo, clown e malabares, e de seguido, ás 20.30 horas, Kambahiota con La Coquette (Madrid), espectáculo de aéreos con RossinaCastelli e Abraham Pavón como protagonistas, que achegan unha proposta de acrobacias aéreas con rutinas de trapecio, escada e aro, sen esquecer o humor e o clown. Para mañá, ás 13.00 horas en Talo Río, está programado o espectáculo de PattyDiphusa con Superharte, no que esta pequena gran “Hartista” intenta, literalmente, chegar ao máis alto, utilizando para iso todas as habilidades ao seu alcance, bailando, trepando, inchando globos e incluso meténdose dentro deles.