O Programa socioeducativo EncaixaT, do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño, leva un ano de vida, co fin de procurar un espazo onde 18 menores de idade, de entre 8 e 16 anos, conten cos recursos necesarios para atopar o seu sitio na sociedade e poder vivir, no amplo sentido da palabra, como suxeitos de dereito.

Durante o obradoiro téxtil realizado. | // FDV

“Co fin de promover a súa inclusión plena, acompañámolos no seu proceso de búsqueda da súa identidade dotándolles das ferramentas necesarias para integrarse plenamente na comunidade”, explica a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez.

Cunha cabra na visita a Corazón de Carballo. . | // FDV

Entre as intervencións levadas a cabo, resaltan as actividades grupais para a mellora das habilidades sociais e resolución de conflitos, e a empatía de cara a unha boa xestión das emocións. Ademais, téntase promover a participación e o compromiso social, a través de iniciativas vencelladas á natureza, á muller, á violencia de xénero, ao día das letras galegas, etc.

Así mesmo, procúrase dotar aos nenos e nenas participantes, de estratexias para a mellora do rendemento académico, a través de técnicas de traballo e estimulación, promovendo o hábito lector.

De feito, ao rematar o curso, agasallouse a todos con libros que promoven o respecto á poboación en xeral e ás mulleres en particular, creando conciencia da importancia de respectar aos demais.

Por último, desenvolveuse ao longo do curso un acompañamento na normalización de situacións que xeraban nos menores dificultades para acadar os resultados esperados, segundo a súa idade e características persoais e sociais.

No verán EncaixaT encargouse de recompensar o esforzo realizado e o compromiso acadado por cada un dos participantes, propoñéndolles actividades que permitisen coñecer e vivir novas experiencias, como por exemplo, un día na granxa-escola “Corazón de Carballo”, en contacto coa natureza e adquirindo o compromiso de respectar o medioambiente. “Ademais acudimos a Baiona a coñecer o programa Vincúlate, no que traballan con cans de protectoras, para coñecer a importancia de respectar e querer aos animais”, comenta a concelleira de Benestar Social.

A visita ao taller da artista Pilar Alonso, en Tomiño, foi outra das actividades realizadas, na que aprenderon nocións de técnicas pictóricas e coñeceron o día a día dunha artista plástica; viviron a experiencia de crear pequenas obras de arte, rematando o verán cun obradoiro de natureza téxtil.

Queda pendente convertese en anfitrións da comunidade de Vincúlate e facer unha andaina polo Miño para vivir a experiencia de mergullarse no río con canoas e cans.

En Tomiño xa está en preparación o inicio dun novo curso do EncaixaT, con novas propostas e estratexias. “Queremos agradecer a boa colaboración e participación das familias polo ben dos seus menores”, conclúe Martínez.