Antonte comezaron en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial. No Concello de Soutomaior, ao igual que en tódolos da bisbarra, estaba todo a punto para a volta as clases dos máis pequenos da casa e a xornada transcorreu con normalidade.

Os centros de ensinanza estiveron durante varias semanas preparándose acollendo diversas actuacións de mellora e acondicionamento das infraestruturas e servizos para satisfacer as necesidades de profesorado e alumnado de cara ao comezo do curso escolar 2021/2022.

No caso de Soutomaior, os traballos incluíron diversas revisións e reparacións nas aulas, patios e elementos de recreo. A mellora máis destacada é a instalación dunha nova caseta de xogos infantís e a renovación de gran parte do peche no CEIP Padín Truiteiro.

Os labores de actualización realizados inclúen tódolos centros municipais de ensinanza pública en maior ou menor medida, xa que tódalas aulas, zonas de comedor e recreo, así como o resto de instalacións foron revisadas en aspectos fundamentais como a instalación eléctrica, os elementos de iluminación e climatización. Ademais destas revisións básicas, en total acondicionáronse máis de 20 aulas e baños con traballos de pintura, reparación de mobiliario y fontanería.

No CEIP Padín Truiteiro foi onde se levaron a cabo as principais melloras, renovándose un tramo de máis de 130 metros de longo o peche perimetral do centro substituíndoo por un máis moderno e seguro de malla de aceiro electrosoldada. Ademais, para mellorar a comodidade dos usuarios e traballadores do centro, abriuse unha nova porta de acceso nunha das esquinas próximas ao aparcamento. Por último, instalouse unha pequena caseta de madeira no patio destinada aos xogos do alumnado de infantil. Os exteriores tamén se acondicionaron con traballos de desbroce e limpeza da contorna

Á espera de que comecen a semana próxima os estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos, en Soutomaior xa iniciaron as clases un total de 735 rapaces matriculados en educación Infantil, Primaria e Especial. A cifra incrementa a preto de 18.000 se sumamos o alumnado de todos os concellos da bisbarra, sendo o municipio de Mos o que maior número rexistra, 2.231, convertendo así á Louriña (con 4.593) na comarca con máis alumnado de Infantil, Primaria e Educación Especial matriculado neste curso 2021/2022.