Coñecida como Carola, Salcedense Distinguida 2017, finou o pasado 31 de xullo de 2021 e o pobo de Salceda chora a súa perda; gran muller e veciña.

Carolina Rodríguez Martínez, naceu o 7 de xaneiro de 1920 na parroquia de Cabreira, en Salvaterra de Miño, nunha familia de seis irmáns. Dende os 9 anos Carola xa tivo que asumir moitas responsabilidades e traballos, como o de coidar un pequeno de un ano. Aos 14 anos foise a cidade de Vigo a servir para outra familia.

Contrabando

Foi ao cumprir os 18 anos cando a súa vida da un xiro ao comezar a adicarse ao contrabando; algo inusual naquela época para unha muller.

A ruta que facía como contrabandista era desde a parroquia de Arantei ata Vigo. No seu caso o que levaba era café, tabaco e azucre.

Xa anciá, Carola lembraba aínda o medo que pasaba cada vez que a pillaban e o trauma de ver como a Garda Civil lle decomisaba o azucre que tiña que entregar en Vigo.

Despois de máis dun susto decidiu non volver tentar a sorte, e abandonou ese medio de gañarse a vida tan arriscado.

No ano 1945, con 25 anos, casou con Manuel Coto, con quen tivo tres fillos, que a fixeron avoa de 6 netos e 1 bisneta. Xunto co seu marido abriu unha tenda bar en Salceda, que se coñecía co nome de “Casa da Pedreira”, nun baixo de aluguer na que actualmente é a Avenida de Galicia.

Xa no ano 1957 mercaron un local propio, e trasladaron a tenda bar para ese local, no que tamén ofrecían servizos de pensión.

Carola lembraba con gran cariño as rapazas que traballaron con ela na cociña e no servizo.

Máis aló de todas estas vivencias que a fan unha muller con moito que contar, polo que máis é coñecida Carola en Salceda de Caselas é por ser a primeira en empezar a elaborar os callos habitualmente. E como anécdota puntualizar que Carola era das cociñeiras que lle botaba pasta a este tradicional plato, “para espesalos” dicía ela.

Carola n lembraba como a propietaria do bar Central lle pediu que lle ensinase a facer callos, e como pouco a pouco se foi estendendo o plato por toda Salceda, ata converterse no referente que é hoxe en día. En torno ao 1980 xubilouse, e coa xubilación chegou o peche do bar. Finou o pasado 31 de xullo, pero sempre quedará na memoria colectiva de Salceda.